Bases do concurso
-
Obxecto:
O Concello de Outes convoca un concurso de decoración de Nadal no que se poderán inscribir todos os establecementos comerciais e persoas, a título particular, que desexen participar nesta actividade de Nadal. A participación é única e de balde.
O concurso difundirase a través da páxina web e redes sociais do Concello:
- outes.gal
- facebook.com/outesculturaemocidade
- instagram.com/outesculturaemocidade
- instagram.com/concello_outes
- facebook.com/concellodeoutes
-
Participación:
- Para poder concursar chegará con cubrir a ficha de inscrición, en forma e prazo. Coa súa inscrición e solicitude as persoas aceptan as condicións e normativa vixente, reguladora.
- Os participantes poderán participar en dúas categorías:
- Particulares: Persoas, a título particular, que adornen as fachadas, balcóns ou xardíns da súa propiedade.
- Establecementos comerciais e outras entidades: Comercios, negocios ou outros establecementos públicos que decoren as súas fachadas, escaparates ou vidreiras, etc.
- No caso de establecementos comerciais e outras entidades nos que a vidreira non sexa transparente, poderase, e recoméndase, facer uso de decoracións que poidan cubrir as vidreiras.
- En calquera caso, actuarase en nome propio e só é posible participar cunha única proposta decorativa.
- O tema xirará en torno ao Nadal. Haberá total liberdade en canto á técnica e estilo. Valorarase a creatividade, orixinalidade, combinación de elementos e cores, iluminación, composición e o uso da lingua galega.
- No caso dos establecementos comerciais valorarase tamén o uso do lema municipal "Nadal en Outes" a través da súa imaxe gráfica, que estará publicada na páxina web.
- Os impresos deben presentarse por rexistro, no Concello de Outes ou por calquera dos medios sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de inscrición para a categoría de particulares será dende o 1 de decembro ata o 15 de decembro de 2025 (ámbolos dous incluídos). O prazo de inscrición para a categoría de establecementos comerciais e outras entidades será dende o 1 de decembro ate o 15 de decembro do 2025 (ámbolos dous incluídos). Os impresos poderán obterse no Concello de Outes, na Casa da Cultura ou a través da páxina web do Concello (www.outes.gal).
- A participación no concurso supón a aceptación das condicións.
-
Calendario, valoración e xurado:
- O xurado estará composto por tres membros nomeados pola Concellaría de cultura. O xurado terá a competencia de interpretar as condicións e de resolver calquera circunstancia non prevista aquí recollida.
- A valoración do xurado terá unha ponderación do 50% mentres que a porcentaxe restante recaerá no número de votos obtidos a través da plataforma dixital anunciada para este propósito que concedan os internautas durante os períodos de votación popular da seguinte maneira:
- Na categoría de establecementos comerciais e outras entidades: A votación de internautas decorrerá dende o martes 16 de decembro ate o venres 26 de decembro.
- Na categoría de particulares: A votación de internautas decorrerá dende o martes 16 de decembro ate o venres 26 de decembro.
- O Concello de Outes informará publicamente dos agraciados en menos de 15 días naturais, tralo remate do último prazo de inscrición. Esta información difundirase a través do taboleiro de anuncios, páxina web e redes sociais do Concello.
- Así mesmo recollerase a decisión do xurado a través dunha acta, na que aparecerán valorados e reflectidos os aspectos a ter en conta nestas condicións.
- Na categoría de establecementos comerciais e outras entidades os participantes poderán sacar unha foto do seu escaparate no momento da instalación para valorar tamén o xurado a posteriori en caso de ter sufrido mudanzas polo devir normal da actividade comercial.
- Os participantes de ambas dúas categorías deberán enviar unha imaxe e/ou vídeo ensinando o espazo decorado para poder compartir na plataforma dixital de votación.
-
Premio e forma de entrega:
- Unha vez coñecidas as propostas gañadoras, cotexaranse os seus datos persoais co fin de acreditar a identidade e proceder á entrega dos premios.
- As persoas agraciadas serán convocadas en xaneiro do novo ano ao Concello de Outes para facerlle entrega dun vale para empregar no comercio local de Outes que lle será entregado unha vez sexa acreditada a súa identidade a través do seu documento de identidade.
- En caso de non presentarse nas oficinas do Concello para proceder á entrega do premio no prazo dun mes, entenderase que o rexeita.
-
Premios:
Disporanse dos seguintes premios separados por categorías:
- Un vale para mercar no comercio local para os establecementos comerciais por valor de 125 euros ao primeiro posto e outro por valor de 50 euros ao segundo.
- Un vale para mercar no comercio local para os particulares por valor de 125 euros ao primeiro posto e outro por valor de 50 euros ao segundo.
-
Condicións xerais e sancións:
- O Concello resérvase o dereito de dar de baixa as persoas usuarias que incumpran o regulamento do concurso, e non se fai responsable das posibles faltas, no caso de incumprimento por parte dos participantes.
- O Concello de Outes, só fará uso dos datos dos participantes do concurso para notificar e identificar a persoa gañadora e comprométese a non empregar ningún dato de carácter persoal para ningún outro fin.
- O Concello de Outes resérvase o dereito de adiar e modificar as condicións e datas do concurso, previa notificación aos participantes.
- Quedarán descualificadas todas as participacións que representen, conteñan ou promovan elementos ofensivos, que insulten a colectivos ou teñan implícito un discurso de odio.
- Tamén serán descualificadas as persoas participantes que incumpran os requisitos básicos de educación e convivencia. Que insulten, acosen ou teñan comportamentos non apropiados, tanto co resto de concursantes como coa organización. Que leven adiante accións que poidan ser consideradas abusivas, contrarias á boa fe e aos principios de independencia, imparcialidade e/ou obxectividade do concurso.